domingo, 5 de enero de 2014

Avós

Sodes a luz que alumea o universo, o aire que nos agarima a cara, deixándonos respirar. Sodes a alegría de ir alá onde estedes. Vivimos no límite do tempo. Ninguén pode poñer prezo a todo o que vivimos. Ninguén pode dicir o que vale unha viaxe en bicicleta polo patio, un partido de baloncesto ou un baile entre as sábanas colgadas co mesmo olor das flores que nacen ao pé da casa. O solpor entre as montañas. As noites de verán. O leite en camiña. Os paseos cando cae a luz abrasadora da época estival. O cabaliño de madeira. O can e aquela horta onde podiamos perdernos. Marearnos nos columpios do parque. Escapar para logo acabar nos vosos brazos. Escoitar. Esquecer pero sempre lembrar. A sensación especial de chegar a vosa casa. Quedar adurmiñados no sofá. Tantas historias debaixo de aqueles coxíns que facían de fortaleza cando eramos todos un pouco máis pequenos. Os paseos pola plaza. Os álbums cheos de fotos. Quizáis eran mellores os tempos nos que eu cabía nunha man, pero eu non era consciente de ata que punto se pode querer naquel tempo. Sodes a ilusión de amencer. Sodes un agarimo, unha bágoa, un sorriso, unha aperta, sodes aquí e alá, sodes o amor que todos quererían, sodes tantas cousas que só sabedes facer vós, sodes o arrecendo do pan ao levantarse, sodes a eternidade de algo que non se esquece nunca. Somos o voso reflexo. A voz que clama a escoita. A influencia das ondas nos nosos corazóns. O vento batendo nas nosas portas. Os nosos sentimentos impresos nas follas dalgún libro antigo, de follas descoloridas e esquinas desgastadas. As veces a chuvia ao abrigo dos vosos brazos. Tanta xente amándovos. Sen frío no corpo. Que ainda que o xeo vos invadise, viviriades do calor dos outros, ou do voso propio, do voso amor tan envexable. Teríamos que preguntar por tantos días nos que estivemos presentes, teríamos que preguntar por tantas historias, por tantas cancións, por tantas receitas.. Recordo fregar as baldosas vermellas, subirme a unha escada e gritar ao ceo, recordo esconderme entre as sábanas, recordo desaparecer no piso de alá, baixar a mercar, e inventar tantos mundos novos entre os extremos que lindan o terreo da vosa vida, tantos xoguetes novos, tanta música, tanta ilusión. O río. Xeado todo o ano. Sentir correr a auga polas nosas costas nunha presión adorable. As macetas rotas por correr no patio. As noites e os días sucedidos. Que sexa sempre así. Todo o mundo vos adora, pero permitídeme sentir, por moito que non sexa certo, que eu máis. Quérovos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario